Manifesto pola Paz do Seminario Menor
Celebramos hoxe, 30 de xaneiro, a Xornada Escolar pola Paz. Precisamente neste mes, cúmprense 50 anos da famosa mensaxe do Papa Pablo VI na que invitaba a “todos os homes de boa vontade a celebrar «O Día da Paz[1]» en todo o mundo”.
Gustaríanos que esta Paz fose unha realidade xa acadada, mais sabemos que aínda non é así. Por citar só algúns exemplos[2], durante o ano pasado:
- a guerra en Siria motivou o éxodo de case 5 millóns de refuxiados e o desprazamento de 6,6 millóns de persoas;
- o Conflito na República Centroafricana deixou preto de 215.000 persoas refuxiadas;
- a Guerra en Sudán do Sur leva máis de 4 anos nunha guerra civil que xa deixa 500.000 vítimas mortais, 1,5 millóns de desprazados internos e case 2 millóns de refuxiados.
- Desgraciadamente, na mesma liña, poderiamos citar múltiples exemplos como Colombia, Iemen, os eternos enfrontamentos entre ambas Coreas, Israel e Palestina, Iraq, ou as novas e amargas realidades como o terrorismo internacional do que ninguén está a salvo.
Non queremos con isto limitarnos a unha simple enumeración de datos estatísticos, senón tomar conciencia da nosa misión e responsabilidade en ser construtores de paz. Neste últimos anos, os Papas dirixiron esta invitación dun xeito especial á xente nova, á mocidade. Esta invitación quere amosar “a necesidade de defender a paz fronte aos perigos que sempre a ameazan:
- o perigo (…) dos egoísmos nas relacións entre as nacións;
- o perigo das violencias ás que algúns pobos poden deixarse arrastrar pola desesperación, ao non ver recoñecido e respectado o seu dereito á vida e á dignidade humana;
- o perigo, hoxe tremendamente acrecentado, do recurso aos terribles armamentos exterminadores dos que algunhas Potencias dispoñen, empregando niso enormes medios financieiros, cuxo dispendio é motivo de penosa reflexión ante as graves necesidades que aflixen o desenvolvemento de tantos outros pobos;
- o perigo de crer que as controversias internacionais non se poden resolver polos camiños da razón, é dicir das negociacións fundadas no dereito, a xustiza, a equidade, senón só polos das forzas espantosas e mortíferas”.
É ben certo que seguimos conmemorando “a Xornada da Paz” porque non hai paz na Terra, pero si hai homes e mulleres de “boa vontade”. Nós non podemos nin debemos ser testemuñas inactivas destes tempos turbulentos. “Levantemos, pois, a bandeira da Paz e convidemos a homes e Nacións a levantar, ao amencer do ano novo, “… a bandeira que debe guiar a nave da civilización, a través das inevitables tempestades da historia, ao porto das súas máis altas metas”.
Non cedamos á “covardía daqueles que temen dar a vida ao servizo do propio país e dos propios irmáns cando estes están empeñados na defensa da xustiza e da liberdade (…)” non fuxamos “da responsabilidade e dos perigos necesarios para o cumprimento de grandes deberes e empresas xenerosas: Paz non é pacifismo, (…) senón proclama dos máis altos e universais valores da vida: a verdade, a xustiza, a liberdade, o amor”.
Seguindo os consellos do Evanxeo, traballemos todos xuntos pola paz pois os que traballan pola paz serán chamados fillos de Deus (Mateo 5, 9).
[1] https://w2.vatican.va/content/paul-vi/es/messages/peace/documents/hf_p-vi_mes_19671208_i-world-day-for-peace.html
[2] Datos de ACNUR: https://eacnur.org/blog/cuales-son-los-conflictos-actuales-en-el-mundo-de-mayor-gravedad/