“Leer es comprender. El acto de leer es entendimiento. Leer y comprender es vivir”.
Álvaro Pombo
Premio Cervantes 2024
Nun lugar moi querido, cuxo nome non necesito citar e moito menos quero esquecer, tomou hoxe vida Don Quixote, que se botou aos camiños para auxiliar aos necesitados e socorrer aos aflixidos; con el ía o seu leal escudeiro Sancho, amigo fiel, e non faltaron tampouco o barbeiro, o cura, a ama, o mesoneiro, os arrieiros, os descomunais xigantes, as doncelas e a sen par Dulcinea, flor da fermosura. Coma se fose por intervención do mago Frestón, desfilaron todos na aula de lectura por boca duns lectores, pequenos e grandes, entusiasmados coas aventuras de tan valoroso cabaleiro andante.
Ben que rimos coas súas tolemias!
E segundo Don Quixote ía “enderezando tuertos” dabámosmos conta, case sen querelo, de que ler é comprender o mundo e entender a vida, que cos libros podemos converter a vida en soños e os soños en vida, e que nestes artefactos marabillosos compostos de páxinas encadernadas, na literatura, sempre atoparemos unha guía para orientarnos no labirinto da existencia.
Lendo, soñando, pensando entenderemos mellor a nosa condición perecedoira e aguantaremos con máis firmeza as pasadas da escoba do tempo, que a todos nos ha de varrer. Non sei se a lectura nos vai facer mellores, pero é seguro que nos fará menos estúpidos.
José Manuel López Regueiro