
A comunidade educativa do Seminario Menor, reuniuse para celebrar o acto académico de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato da promoción 2025/2026, unha xornada chea de emoción, gratitude e lembranzas compartidas.
A celebración comezou cunha eucaristía, na que alumnado, familias, profesorado e persoal do centro participaron nun ambiente de recollemento e acción de grazas por todos os anos vividos no colexio e pola etapa que agora remata.

A continuación tivo lugar o acto académico, conducido nun ton solemne e próximo, no que se realizou a tradicional imposición de becas e insignias aos alumnos e alumnas da promoción, símbolo do esforzo, da constancia e do vínculo que sempre os unirá ao centro.
Durante o acto sucedéronse diferentes intervencións cargadas de emoción e significado. A madriña da promoción dirixiu unhas palabras de afecto e ánimo aos estudantes, destacando o valor humano do grupo e animándoos a afrontar con ilusión os novos retos que están por vir.
En representación do alumnado, varios estudantes tomaron tamén a palabra para lembrar anécdotas, agradecer o acompañamento das familias e do profesorado e expresar todo o vivido ao longo destes anos de formación e convivencia.

O titor da promoción quixo poñer en valor o crecemento persoal e académico do alumnado, mentres que o Rector pechou o acto cun discurso no que felicitou aos estudantes polo camiño percorrido e lles desexou un futuro cheo de éxitos persoais e profesionais.
A xornada concluíu cun momento moi especial: as fotografías coas familias e cos compañeiros e compañeiras, deixando para o recordo instantáneas dunha promoción que permanecerá sempre na historia do colexio.

Desde o centro queremos felicitar a todos os alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato da promoción 2025/2026 e agradecer ás súas familias a confianza depositada durante todos estes anos.
Desexámosvos moita sorte na nova etapa que agora comeza. O colexio será sempre a vosa casa.

