Os días 28 e 29 de maio, o alumnado de 2º da ESO participou nunha actividade de convivencia en San Vicente do Mar e O Grove, unha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel educativo como persoal.
Durante estas dúas xornadas, o grupo tivo a oportunidade de compartir tempo fóra da aula, fortalecendo as relacións entre compañeiros e compañeiras nun ambiente diferente e máis distendido. A convivencia estivo acompañada polo seu titor e por varios profesores e profesora de apoio, que participaron activamente nas distintas actividades propostas.
O programa foi moi completo e variado. O alumnado gozou de actividades de aventura como o “Aventura Dakar” e un circuíto de tirolinas, que puxeron a proba a súa destreza e espírito de equipo. Ademais, realizaron unha agradable ruta en catamarán pola ría de Arousa, onde puideron coñecer mellor o entorno natural e mariñeiro da zona.
Non faltou tempo para o lecer e o desfrute da praia, aproveitando o bo tempo e a contorna privilexiada. Tamén houbo momentos para a reflexión, como a celebración dunha misa en San Miguel de Lores.
A nivel cultural, o grupo visitou a capela da Lanzada, un lugar emblemático da zona, onde puideron achegarse á súa historia e valor patrimonial.
En resumo, foi unha experiencia moi positiva que contribuíu a reforzar a convivencia, a autonomía e o compañeirismo do alumnado, ademais de permitirlles descubrir e valorar o noso entorno máis próximo.


