Sr. Reitor, profesores, nais, pais, familiares, permitídeme que me dirixa aos verdadeiros protagonistas do día, os alumnos de 2º bacharelato.
Vaia por diante que me sinto moi honrada de ser a vosa madriña neste acto pero tamén debo dicir que considero que outros profesores o terían máis merecido ca min xa que vos acompañaron durante moito máis tempo no voso proceso educativo.
Deixádeme que por un momento e, como vulgarmente se di, arrime “a ascua á miña sardiña”. Non podo esquecer que eu estou aquí, desgraciadamente, como substituta do voso profe titular, o meu irmán Xan Campaña, que é un deses profesores dos que antes vos falaba.
Ao longo deste curso fun observando a vosa evolución e experimentei distintos sentimentos: tenrura, comprensión, estupor e tamén cabreo, moito cabreo. Cabreo porque sei do voso potencial e por iso resulta frustrante ver que algúns de vós non o aproveitades. E nisto creo que coincidimos todos os profesores. Enfádanos ver que rapaces que teñen todo na súa man desaproveitan as oportunidades que aquí se lles brindan, a magnífica ocasión de formarse que outros rapaces da vosa idade non teñen. Seguramente precisaredes tempo, tomar perspectiva, pero estou segura de que acabaredes lembrando con cariño esta etapa da vosa vida e os consellos recibidos. Adoita pasar.
E que máis dicirvos, non son dada aos consellos, eu tamén aí ando, a pesar dos anos, pelexando coa vida como podo. Como moito podo transmitirvos o que a min me axuda. Agora que cada vez estamos máis deshumanizados, que a economía o asfixia todo, agora que o tempo só se conta por horas produtivas, que é máis fácil escribir un wasap que mirarnos aos ollos e falar. Agora máis que nunca precisamos da beleza. Da beleza da música, da literatura, da arte… pero non só: hai moita beleza nun sorriso de solidariedade, no traballo ben feito, nun si comprometido, e tamén nun non a tempo.
En fin, pouco máis. Moita sorte e que vos vaia bonito.