Palabras do padriño de 2º BACH da promoción 2020-2021
Sr. Reitor (Administrador do Site), Formadores (community managers), Sras e Sres. Profesores (influencers), queridas familias (provedores), alumnos (usuarios).
Diríxome a esta comunidade real, para facer un pouco de memoria da experiencia para nada virtual, seguindo o “Timeline” dun curso que a pesar do “Malware” (virus malicioso) quedará gravado no disco duro, que aínda quixésemos non podemos resesetear.
Compartimos a pesar das distancias e as máscaras case cibernéticas, unha chea de horas de conexión e desconexión no “Chat Room” das aulas.
Como profesor/administrador era o meu desexo “abrirvos en canal” quero dicir, abrir a canle de comunicación para iniciar unha “Talk”, que fose fluída e bidireccional e a transmisión de “ ftp’ s”. Pero como non tardei en comprobar, a velocidade e intensidade da transferencia non era regulares, pois tanto o soporte como o “servidor” fallaban.
Dispuxen entón a modo de “devasa” asumir o “telecontrol”, para facerme coa “contorna”, tarefa ardua e difícil pois o sinal perdíase entre os “repetidores”.
Comecei a transferir sen tregua gran cantidade de “paquetes de datos”, pero do mesmo xeito que no “Snapchat” os contidos borrábanse en menos de 24 horas, e as miñas clases de “Storys” facíanme quedar como un “Meme”.
Dispúxenme a cambiar de estratexia e aumentei a presión cun bombardeo masivo por saturación de “Classroom”. Cantidades inxentes de “megas”, “ bits” e “Twits” (cheguei mandar vídeos de bailes de Tik Tok, ata que me dixeron que o Twist non era para “millenials”, de novo os clásicos xogáronme unha mala pasada).
Comprendín o que era Twitter cando comecei a ler os exercicios e exames: 240 “caracteres” nalgún alumno eran como a Enciclopedia Británica, antes de que aperecera Wikipedia claro. Iso si, darlle ao pico en clase non paraban, pio, pio…
No Primeiro Informe que mandamos á casa, estiven a piques de encher as casillas con “Emojis”, pero nalgún caso asemellábase a un xeroglífico exipcio… e poida que a algúns pais non lles gustase a miña economía xestual.
Co paso das semanas a clase foise definindo, a comunidade enchíase de alumnos conectados, desconectados e “Stand by”… estaba o “avatar” e que o que se poñía de “perfil”, dos perfís dos correos electrónicos e Classroom mellor non falar…
As avaliacións dirixidas polo “Community Manager” Don Alberto, daban fe de que os nosos “ followers” eran máis “ folloners” que outra cousa e Dona Yolanda esforzábase máis que Sirie e Alexia en orientalos, (case que coa mesma voz) aínda que me parece que Sirie ás veces enfádase máis. En ocasións estiven a piques de matriculala (a Sirie) no grupo, pois aparecía moitas veces en clase, sobre todo nos exames “A súa procura foi aceptada”.
Á hora de corrixir e facer as medias, varias veces estiven tentado a facer un “Crowfounding” cos meus colegas de claustro: pois nin sumando as notas de todos a modo de recadación solidaria, algún non chegaba ao aprobado.
Logo estaba o alumno “Troll” que discrepaba de todo cun “É verdade” dicía sen parar, e cando lles pedía que argumentasen a súa oposición ás miñas correccións, usaban unha fonte de coñecemento irrebatible: www.terraplanistas. com.
Estou seguro que acotío quedábaseme cara de “Dummie”, e máis dunha vez estiven tentado de facerme un “Selfie” para saber se aquelo estaba a ocorrer ou era un mundo “Matrix”.
Para poder levalo con certa dignidade moitas veces tiven que poñerme en “modo avión”.
Tamén hei de recoñecer que en ocasións “Yo Tube” a punto de caer nas vosas redes.
As clases moitas veces non tiñan “filtro” e cando querías chegar a unha conclusión máis ou menos pechada e unánime, era imposible: as respostas tiñan máis opinións que filtros de cores ”Instagram”.
A culpa de que algunhas sesións quedasen atrancadas tíñaa sen dúbida o ecaso consumo de “fibra”, e outras veces o ancho de “a banda” e os seus compoñentes.
Estiven tentado de facer algunha “captura” dos especímenes que poboaban a aula, pero a mirada de “Hater” dalgún deles fíxome desistir do empeño. Ao final conformeime con encher o meu Caderno de Notas con “Spam”.
Pero non quero que pensen que todo o labor foi ardua e estéril, non. Ás veces a conxunción dunha serie de “logaritmos”, fixeron posible que a modo de “Podcast” algúns coñecementos quedasen rexistrados nas intrincadas redes neuronais dos nosos alumnos. Gran cantidade de “Big data” foi despregada con maior ou menor éxito e en “My Space” ás veces creouse unha “contorna” de real e gratificante conexión cósmica.
Mandámonos “Messengers” e notificacións, moitos deles fóronnos devoltos de forma abrupta: “non entendo o que me manda”, o SMS está un pouco anticuado como supoño que a miña pedagoxía, pero todo isto pronto terá solución: fareime un curso de especialista en “Social Media” e convertereime nun “CEO”, cun master en “Management”, pero para entón xa non serei necesario, pois grazas ás vacinas e a Bill Gates todos levaredes implantado un chip…
Ao final, meses de traballo intenso para desenvolver a intelixencia artificial, emocional, real ou calquera que aparecese por alí. Millóns de dólares para buscar vida intelixente no espazo, se empezasen por aquí!
Recoñecer tamén, a vosa inxente e enriquecedora achega ás novas formas de linguaxe, os debuxos, verbas, verbos, abreviacións e onomatopeias que recrean a linguaxe. Logo quéixanse de que non escribides! O Departamento de Lingua tenvos presente nas súas oracións gramaticais.
Imposible non deixarse atrapar nas vosas “redes”: D. Tino un momentiño ímos ver….
Supoño que algunhas das nosas clases foron “Trending Topic” sobre todo nos círculos do patio de recreo, e algún de nós fíxose “viral” entre moitos dos nosos alumnos, polos efectos secundarios que provocamos neles.
Agardo sinceramente que o noso Seminario forme parte xa do voso grupo de “Influencers”, que merezamos algúns dos vosos “likes”, e que non nos “eliminedes” das vosas contornas.
Sede xente aberta e transparente, non vos deixedes enganar por “fakes”. E espero que retrasedes todo o posible por deixar o voso curriculum en “linkedin” ou “ Infojobs”.
Que sigamos formando unha potente “Networking”, porque como di o Sr. Reitor “No Seminario éntrase pero non se sae”, como en Facebook, pero nós molamos máis e somos máis chachis. Xa sei que iso non se di na vosa xeración Milleniall, post-millenial, X ou Y, pero a nosa Institución non responde a modas.
Manteñamos o “Chat” permanentemente aberto, todas as canles de comunicación “en liña” e non nos “bloqueedes” das vosas vidas.
Agora voulle a dar ao “ click”, pero non sen antes dicirvos que, me tedes ata os hastags!.
Moitas grazas.