Dentro do programa O teu Xacobeo, o Seminario Menor acolleu na mañá deste mércores a presentación de dous proxectos que se veñen a sumar ao da pasada semana, chamado Solpor. Contouse para o acto con Dª. Cecilia Pereira, Comisaria do Xacobeo 2021-2022.
Trátanse de distintas iniciativas para dar a coñecer o noso patrimonio dende as perspectivas astronómicas (proxecto Solpor), fotográficas (proxecto Quaint) e visuais (proxecto Miradoiros do Camiño). A continuación facemos un pequeno resumo de cada un deles:
O proxecto Quaints reúne aqueles lugares de importancia paisaxística, histórica ou cultural para a realización de imaxes únicas por parte do viaxeiro ou peregrino, que sorprendan pola súa visión, a súa luz ou aquilo que transmiten. Pero non só situalas, senón tamén dotalas de contido, ben descritivo para coñecer a contorna e a particularidade do lugar no que nos atopamos, así como mostrar os consellos útiles para optimizar a realización das mellores fotografías deses lugares. Estes consellos van desde as recomendacións máis básicas para non iniciados, en base a temporalidade, localización e espazo, ata nocións para os máis avanzados en técnicas fotográficas, para profundar aínda máis se cabe, na realización de imaxes únicas.
Aquí podedes acceder á súa web
En Miradoiros do Camiño realízase un traballo de recompilación de información para crear unha base de datos espacial dos miradoiros máis destacados do Camiño de Santiago. Sobre cada un destes miradoiros, realízase un estudo dos accesos viarios existentes na contorna así como tipo de cobertura a internet, analizando os distintos operadores para asegurar que o miradoiro ten acceso suficiente para que o visitante acceda aos contidos co seu móbil. Selecionamos un miradoiro para cada unha das rutas oficiais do Camiño de Santiago:
- Camiño Francés: Alto de Cebreiro
- Camiño de Fisterra Muxía: Monte de A Ruña
- Vía da Prata: Pico Sacro
- Camiño Inglés: Miradoiro de A Bailora
- Camiño Primitivo: Hospital de Montouto
- Camiño do Norte: Monseivane
- Ruta do Mar de Arousa e río Ulla: A Curota
- Camiño de Inverno: Monte Faro
- Camiño Portugués: Cruz de San Xiao
- Camiño Portugués da Costa: Corteliño
Aquí tedes a proposta do miradoiro dende o noso edificio
Dende Solpor recórdannos que o Sol discorre en paralelo ás nosas vidas, dos solsticios aos equinoccios, do durante o ano, dos solsticios aos equinoccios, do 21 de decembro ao 21 de Xuño, e viceversa, a estrela percorre os ceos alongando ou acurtando a duración do día e a noite, rexendo o cambio de estacións, as plantacións, as colleitas… a supervivencia, en definitiva, do mesmo ser humano. Eses tempos variables que a posición do Sol debuxa no horizonte, son tamén referentes da paisaxe.
É obvio que a maxia e beleza dos atardeceres son un recurso natural de gran potencial turístico para moitas zonas, especialmente localidades rurais cun valioso patrimonio natural e cultural que poñer en valor. A creación de contidos audiovisuais innovadores e de calidade ao redor do fenómeno do atardecer nestes espazos, achega unha visibilidade que porá no mapa parroquias e lugares cheos de significación.
Bota unha ollada a cómo visualizamos este solpor dende o Seminario Menor