Archivos de Etiquetas: conferencias
Coñecías as utilidades da criptografía?
A semana pasada tivemos unha charla do programa A Ponte no centro que intenta amosar os estudos univesitarios a estudantes de secundaria e bacharelato.
Desta volta, dende a Facultade de Matemáticas, achegáronse para falar de criptografía dende un punto de vista histórico, descubrindo como o mundo da protección de datos e identidades, remóntase ao emperador César Augusto ou incluso antes. Os nosos alumnos daban ideas sobre como mellorar o primeiro sistema criptográfico rexistrado que se desenvolveu na época romana e así descubrir como avanzaban os sistemas de codificación e descodificación de mensaxes ata maior complexidade. Desde os romanos, ata a Alemaña nazi, pasando pola mafia italiana ou, nos nosos días, polos bancos, os modelos de criptografía serviron para enviar mensaxes ocultas, para salvar vidas durante a Segunda Guerra Mundial ou para desmantelar redes criminais. Cada un dos exemplos de aplicación foi máis interesante e tamén, comprender que son indispensables para a vida tal e como a entendemos hoxe (certificados dixitais, tarxetas persoais…). Tan esenciais, que sen eles, colapsaría un sistema que nos levaría ao caos.
Non obstante, non estamos tan lonxe diso, xa que os ordenadores cuánticos que se están a desenvolver están preto de poder descodificar o sistema de cifrado máis empregado polas entidades que xa forman parte da nosa vida diaria e das que dependemos. O desafío está nas nosas mans!
Moitas grazas por esta hora tan suxestiva na que todas as clases participaron activamente, aportando ideas, facendo preguntas, relacionando áreas da criptografía con outras como a lingüística…
Outra forma de aprender e entender o que pasa no mundo.
María Bandín
A música Pop nos anos 80
O xoves pasado, no salón de actos do centro, os nosos alumnos puideron gozar da conferencia impartida polo profesor da facultade de Xeografía e Historia Israel Sanmartín que co título “A historia cultural da música pop en España durante os anos 80” inclúese dentro do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”. Cabe recordar que é a Universidade a que organiza entre as súas actividades “Charlas Temáticas”, das que o noso colexio é un asíduo seguidor.
Nesta charla o profesor dá USC fixo un percorrido sobre o cambio cultural, concretamente a música pop nos primeiros anos da transición, centrándose nalgúns grupos representativos da denominada “movida” particularmente de Vigo, na súa estética provocadora e nos textos das súas cancións. Ao mesmo tempo fixo referencia aos traballos e publicacións historiográficos e académicos que estudaron amplamente este período e a súa transcendencia desde o punto de vista da estética, a moda, a literatura… e o seu impacto na sociedade.
Ao finalizar abriuse unha distendida e animosa quenda de preguntas onde os mozos daquela e esta xeracións, interesáronse por coñecer mellor a realidade da “modernidade” daquela época e a música e as tendencias xuvenís da actualidade.
Constantino Fuentes