Palabras do titor de 4º ESO. Curso 2020-2021
Estimado Sr. Reitor, compañeiros do equipo formativo e do claustro de profesores, familias que nos seguides a través dos medios e, aínda que soe raro, queridos alumnos.
Como non nos cansamos de dicir ao longo deste acto, remata un curso estraño para todos nós. Comezabamos alá polo mes de setembro convencidos de que nunhas semanas nos terían que confinar a todos e, xa vedes, ata aquí chegamos sen maiores incidencias. E é que os medos, os perigos, sempre están aí; pero con prudencia, traballo e constancia, podémolos vencer; tamén no caso dos estudos.
Posiblemente algún de vós comezaba o curso preguntándose se daría feito para rematar a ESO e xa vedes que foi posible. Aínda así, queda moito camiño por andar. Completáchedes os vosos estudios básicos, mais non a vosa formación; esa continuará durante toda a vosa vida, e á maioría de vós aínda vos seguiremos acompañando durante un par de anos máis, no bacharelato. Esta é a razón pola cal non considero que este sexa un acto de despedida, senón simplemente de fin dunha etapa que confío vos fora proveitosa.
Non quixera, despois de tantos discursos, falarvos de moitas cousas nin alargar en demasía este encontro. Non se trata de que me poña aquí a darvos consellos, pois para iso xa tivemos catro longos anos. Pero si permitídeme que faga un breve repaso do que, dende a outra banda do pupitre, puidemos percibir de vós.
Recordades aquel setembro de 2017? Comezabades 1º da ESO un grupiño de catro valentes: Mateo, Cristian, Daniel e Rodrigo (que se desgaxaría do curso para compatibilizar os seus estudos cos seus logros deportivos, e que hoxe tamén recordamos). Erades os catro moi distintos… Recordo perfectamente os enfados de Mateo cando chegaban as tardes do domingo e tocaba incorporarse ao internado, pero como despois era o primeiro en tirar dos seus compañeiros para implicalos en determinados proxectos; a ilusión de Daniel, que arrastrou tras de si a un Esteban ao que lle costou o cambio e que agora acaba de rematar con nós un Bacharelato cunha proposta de matrícula; pasiño a pasiño, tamén Daniel nos foi sorprendendo cos seus logros; a timidez de Cristian, que combatía cun sorriso a medio camiño entre inocencia, medo e sorpresa. E coas vosas diferencias, sabendo dar o mellor de vos mesmos, soubéchedes poñer as bases deste curso. Como na vida mesma… neste mundo no que cabemos todos, coas nosas diferencias, se sabemos dar o mellor de cada un, seremos tamén capaces de construír unha sociedade cada vez máis xusta.
Pasáchedes a 2º da ESO e o grupo medrou. Apareceu a calma e pachorra de Adrián Miguélez fronte ao trebón de Manuel Nicolás; os silencios de Brais Crespo en contraste coas constantes intervencións de Lois. Novamente todos distintos, coas vosas historias e peculiaridades, e tamén fúchedes capaces de sumar… sumar… (con s, non con f…).
En 3º xa non continuou Rodrigo, pero o curso non deixou de ter novas incorporacións. Por aquí apareceu un tal Rivademar que non deixaba de dicir: Mamá onde me metiches? Prometo que non o volvo facer máis, pero non me deixes aquí! E, ao final, ata nos colleu certo aprecio: pronto nos dimos conta de que os recelos mutuos que sentiamos non eran tal e que debaixo daquelas apariencias había unhas persoas coas cales podiamos falar e aprender. Tamén chegou Diego Sende, ao que non lle eramos descoñecidos, pois xa nos coñecía por familia e por ternos acompañado nas vacacións de verán.
E debía ser que quedaba sitio dentro da aula que aínda se quixo sumar algún máis. Nótase que sabendo coma é o inverno e que este curso anunciábase ventilación constante, buscaron un pouco máis de calor humano, coa incorporación de Alberto, e de calor animal, coa chegado de Alejandro. Non mo tomedes a mal… no fondo, todos temos algo de humano e algo de animal, se ben dependendo de cada idade, nótanse máis semellanzas con uns que con outros.
Xunto con David Porto completáchedes o curso ao cal hoxe recoñecemos con este sinxelo acto. Un curso con moitas cualidades e potencialidades que confiamos saibades poñer en práctica, e do que, aínda que non mo escoitedes moito, me sinto orgulloso.
Non quixera rematar estas breves verbas sen facer tamén unha breve referencia ao que este ano marcou o noso camiñar. Non me estou referindo ao COVID, senón ao Ano Santo.
Confiamos en que o número de peregrinos siga medrando nos vindeiros meses. É certo que as veces nos resultan un pouco molestos, pero sen eles esta cidade non parece o mesmo. Vémolos pasar polas rúas, cansos, renqueantes, pero cun sorriso nos beizos. Na maior parte dos casos non coñecemos a súa orixe nin o seu punto de partida, pero todos sabemos cal foi a meta do seu camiñar. Se durante uns minutos nos quedásemos na portería do Seminario e nos parásemos a escoitar as súas historias, de seguro que quedariamos sorprendidos con moitas das cousas que nos relatan. Poden ser un enigma para nós e ao mesmo tempo un exemplo.
Ao final do curso podemos e, atrévome a dicir, debiamos sentirnos coma eles, cansos do camiño percorrido e o traballo realizado. Non creo que ningún chegara con bochas nos cóbados, pero se traballastes coma é debido si que cun certo cansazo. Ao chegar á meta, tamén confío en que, coma eles, esbocedes, xunto ao cansazo, un sorriso cheo de gratitude, ilusión e esperanza.
Ao igual que o peregrino tivo tempo para deterse, reflexionar e replantearse a súa vida, quixera que esta etapa da ESO tamén vos axudara a tomar posición ante unha vida que se abre de xeito novo para cada un de vós.
E aínda que levades tempo convivindo entre vós, seguro que hai moitas cousas sobre as vosas orixes e a vosa historia que vos resultan estrañas. Gustaríame que, polo menos, ao igual que o peregrino, tiverades clara cal debe ser a vosa meta. Non me refiro á meta desta etapa que acabades de concluír; nin sequera á meta da etapa que vos tocará percorrer a partir de mañá ou dentro dun ano. Senón a vosa meta definitiva. Para o peregrino a súa meta última non é Arzúa, nin Oroso, nin Padrón, senón Santiago. A esas outras tocará chegar, pero non para quedarse; ao día seguinte será necesario retomar o camiño ata alcanzar a tumba do Apóstolo. Non esquezades cal é a vosa meta definitiva, que é Deus mesmo. Iso foi o que, cos nosos erros e cos nosos acertos, vos intentamos transmitir durante estes anos. Sen El o noso camiñar vólvese errante e baleiro. Non perdades o norte, pois Deus axuda e Santiago tamén.