O mércores 18 de marzo celebraremos no noso centro unha xornada especial de oración e encontro con motivo do día do Seminario; unha ocasión na que a Igrexa invita a todos os cristiáns a rezar polas vocacións e polo camiño daqueles que se preparan para o ministerio sacerdotal. Nesta data tan significativa, próxima á solemnidade de San Xosé, patrón universal da Igrexa e modelo de entrega humilde e confiada á vontade de Deus, queremos poñer baixo a súa protección a vida e a misión dos seminarios. A figura de San Xosé anímanos a vivir con fe, silencio e fidelidade a chamada que Deus fai no corazón de cada persoa.
Por este motivo, a comunidade do Seminario Menor convócanos a un tempo de celebración e oración compartida, que comezará coa Santa Misa, na que daremos grazas polo don das vocacións e pediremos ao Señor que siga chamando a novos pastores para a súa Igrexa, para despois ter un momento de Adoración Eucarística, onde teremos unha oportunidade para presentar ao Señor as nosas intencións, rezar polos seminaristas e pedir, coa intercesión de San Xosé, corazóns xenerosos que respondan á chamada de Deus. Neste intre intervirán varios seminaristas do Seminario Interdiocesano Apóstolo Santiago que compartirán brevemente a súa experiencia vocacional e o camiño que están a percorrer na súa formación, ofrecendo así un testemuño vivo de como Deus segue chamando hoxe a mozos a entregar a súa vida ao servizo da Igrexa.

