Hoxe, o noso alumnado participou na VIII Olimpíada de Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos, xunto a 24 equipos de toda Galicia. Realizaron seis probas que preparáramos na materia de tecnoloxía sobre estruturas, hidráulica e loxística. Algúns exemplos foron a reprodución dunha ponte de Da Vinci ou a creación de diques que retivesen a auga. Foi unha práctica de traballo en equipo, xestión da presión do tempo e da propia competición. Responderon con responsabilidade e poñendo todas as súas habilidades e capacidades ao servizo dun obxectivo común. Despois das probas, trasladáronse ao edificio anexo da facultade, onde visitaron o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC). Alí, puideron ver un laboratorio con instalacións tan sorprendentes coma un simulador de choiva, máquinas que medían os esforzos de tracción e torsión de distintos materiais ou un tubo de vento para medir as perturbacións que éste pode producir nunha estructura que apriori parece tan resistente coma a ponte de Rande.
Os alumnos de 1º da ESO, vivimos un día cheo de experiencias. Mentres un grupo participaba nas Olimpiadas de Enxeñería, outro paseaba por A Coruña, xunto ao mar, e visitaba o MUNCYT, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Alí, gozaron dun obradoiro de electrónica, onde crearon circuítos e resolveron retos. E, ademais, o que máis lles sorprendeu foi atoparse nun museo con parte dun avión real e poder subirse á cabina , sentíndose pilotos por un día.
Ao final da xornada, celebraron unha merenda de confraternización cos outros equipos e entregaron diplomas e premios aos participantes.
Queremos agradecer ao noso alumnado a súa implicación e á Facultade por ofrecer esta experiencia tan inspiradora.















