Resoaron no salón de actos de Belvís, na voz da soprano Mercedes Hernández, versos de cancioneiro, romances e cantigas tradicionais, acompañados das notas da tiorba e da guitarra de Fernando Reyes. Soubemos de Bernaldo e Sabeliña, de don Sancho camiñando a buscar amiga por terra de mouros, de cantar por dar alegría ao corazón que ten pena, e quedamos intrigados por saber que pasou non muíño sen saber o que puido pasar.
Chaconas, alalás e fandangos deleitaron aos pequenos, os de Casa do neno, e aos grandes, do Seminario Menor, que ficaron engaiolados pola interpretación de Mercedes e Fernando, integrantes do grupo “Resonet”, referente internacional no ámbito da música antiga. Con eles profundamos no mundo complexo da lírica popular, nas súas distintas facetas, e aprendemos como se cruzan e complementan a lírica popular e a culta nunha liña que se perde na escuridade da historia.
Con eles, e pensando tamén nas cantigas de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción, Manuela e tantas outras, celebramos todos este ano das Letras Galegas, este ano da lírica popular, e desexamos que prendese nos presentes a curiosidade por anotar, recoller e mesmo interpretar – quen sabe! – estas xoias da poesía que viven aínda na tradición oral para que se proxecten cara a un futuro no que siga vivindo a esencia mesma da poesía.
José Manuel López Regueiro







