Dende o comezo do curso 2021-2022, no Seminario Menor estamos desenvolvendo un proxecto integral de mellora educativa baseado no modelo pedagóxico Rubik. A través dun completo proceso de formación pedagóxica, o equipo docente e directivo do noso centro, vén recibindo periodicamente un completo plan de formación pedagóxica, centrado en estudar o proceso de aprendizaxe, nomeadamente no que se refire ao estudo por ámbitos.
Neste marco comezouse a semana pasada cun proxecto no nivel de 1º da ESO, adaptado a unha nova metodoloxía aplicada pola Fundación Trilema nos seus centros. A interdisciplinariedade metodolóxica permítenos coordinar as materias de Lingua Galega e Literatura, Lengua Española y Literatura, Xeografía e Historia, Educación Plástica e Visual e Educación Física nun mesmo ámbito temático e cun mesmo marco temporal, na procura de facilitar aos alumnos a aprendizaxe e a relación de conceptos. O tema escollido neste primeiro proxecto do ámbito sociolingüístico é Grecia, co suxerente título “O encargo dos deuses”.
A impartición de cada unha das distintas materias seguindo uns fíos comúns axuda a entender a transversalidade existente entre as materias do campo social e humanístico, o que facilita a comprensión do alumno e o desenvolvemento das súas capacidade de crítica, creación, redacción e comprensión.
O proxecto en si mesmo estrutúrase en catro fases, entre o 18 de xaneiro e o 18 de frebreiro, e permitirá ao docente observar o avance dos alumnos na consecución e mellora das diferentes competencias clave, así como a asimiliación de novos recursos didácticos que lles permitan acadar as súas metas de xeito máis efectivo.