A semana pasada, concretamente os días 20 e 21 de xaneiro, o EDNLG levou a cabo o Desafío 48 h, consistente en aceptar o compromiso de utilizar a lingua galega durante dous días.
O Desafío 48 h é unha acción de dinamización da lingua galega a través da que alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do Seminario Menor A Asunción –que voluntariamente quixo participar– procurou vivir durante dous días enteiros en galego.
A acción, que tivo como obxectivo principal incentivar o uso do galego de maneira positiva en todas as situacións da vida diaria do alumnado, foi acompañada dunha
campaña de comunicación previa no centro, por parte do alumnado de 1º de Bacharelato, como integrantes do EDNLG. Nesta campaña apareceron carteis nas diferentes clases onde se incluían frases como: “Atréveste?”, “ Dá o paso”, “ Serás capaz”, “ Atrévete a cambiar”. Iso xa provocou unha primeira reacción sorprendente, pois non sabían de que se trataba. O venres 16 de xaneiro desvelouse o misterio, o alumnado de 1º de Bacharelato realizou unha campaña informativa indo polas clases, onde explicaba o proxecto, dando a coñecer o contrato de compromiso lingüístico e
marcaron os días e horas (20 e 21 de xaneiro) en que os que quixeran o tiñan que asinar.
O máis importante, do proxecto levado a cabo, foi a incrible aceptación por parte de todos, posto que o 94% asinou o compromiso. Iso para o EDNLG xa é un gran logro e queremos transmitir a nosa ledicia pola acollida.
Despois deste primeiro reto virán outros, que esperamos teñan a mesma aceptación.
Susana Ordóñez.

