Este mércores os alumnos de bacharelato acudiron ao Salón Teatro para ver a nova obra que o Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía de circo Pistacatro, vén de estrear: Arnoia Arnoia: o circo da casa pequena.
Baseada na obra do mesmo nome de Méndez Ferrín, cóntanos a historia dun adolescente que perde os seus seres queridos nunha guerra e inicia o camiño de volta á súa casa en Arnoia tendo que sortear múltiples perigos que adquiren as formas luminosas e inquietantes dos artistas de circo: acróbatas, malabaristas, escapistas, aeralistas e clowns. Case dúas horas de maxia nunha lona de circo que é a metáfora do mundo, con momentos de tensión, outros realmente poéticos e moitas, moitas gargalladas.
Dentro desta liña, convén destacar que a actividade teatral do Seminario non acaba aquí; o noso grupo de teatro xa está metido de cheo nos ensaios da obra deste ano: Arsénico por compasión. Vaiámonos preparando…