Archivos de Etiquetas: letras
Día das bibliotecas
Moitas veces queremos percorrer moitos quilómetros para buscar sensacións novas que nos fagan sentirnos especiais: visitar espazos naturais espectaculares, vivir uns días nunha cultura distinta á nosa, descubrir persoas que atoparon a felicidade de diferentes xeitos. Este soño está ao alcance de moi poucos. As tarefas da vida diaria enchen as horas da nosa existencia e parece que non nos chega o tempo para nada. Quizais poida haber un xeito no que podamos acercarnos a estas nosas ideas e sen moverse moito.
A biblioteca do noso Seminario é unha ventá aberta á lectura, tanto no Centro coma na casa; é un espazo onde podemos avanzar na adquisición do coñecemento das distintas áreas que compoñen o curriculum escolar; é tamén un lugar para descubrir novas metas xa que nos levan a abrir a mente e xerar novas ideas.
No día en que celebramos o “Día das Bibliotecas”, invítovos a usar a Biblioteca do Seminario. Gracias ao traballo de moitos, a día de hoxe, temos catalogados 23.634 títulos, e aínda quedan libros por fichar. O ano pasado, acadouse a cifra de 84 préstamos o que supuxo que case cada alumno pediu dous libros para ler. As consultas na propia biblioteca foron moitas mais.
O bibliotecario indio Ranganathan deixou escrito: “Os libros están para usarse. A cada lector o seu libro. A cada libro o seu lector”. Anímovos a ler, non so o que vos manden os profesores. Mergulládevos na biblioteca para ter sensacións novas que nos fagan sentirnos especiais.
M. Jesús Formoso
Festival das Letras
Sacar a poesía do sofá do lector, levala á rúa, rebelarse contra a concepción do libro como un cadáver no anaquel. Iso é o que Xela Arias defendeu ao longo da súa vida e iso foi o que nós tentamos facer co noso proxecto “Menú poético”, presentar os poemas doutro xeito, como se se tratase de saborosos e alimenticios pratos.
Levamos comendo poemas dende o pasado mes de abril, polas paredes do noso centro cada día anunciabamos un menú distinto, pero cociñado sempre a lume lento e con amor, moito amor. E, como manda a tradición, rematamos o labor cun albaroque, cunha festa na que a comida e a música estiveron presentes. Os nosos alumnos como anfitrións, maitres e cociñeiros.
Xela Arias cóntanos nun poema titulado: “Epístola. Biografía”:
Deixara os meus estudos e traballaba, pero entre Novalis
almorzaba Rimbaud, xantaba Verlaine e ceaba Baudelaire
(Novoneyra ou Ferrín de aperitivo).
Comezamos, pois, a nosa degustación escoitando a eses dous poetas malditos que almorzaba e ceaba a nosa autora. Primeiro, Rimbaud servido da man de Léo Ferré, un clásico da música francesa e despois Baudelaire, aderezado con ritmo de fado portugués.
Para petiscar, pequenas pezas audiovisuais nas que se nos explicaban diferentes aspectos da vida e da obra da autora: a infancia, a experiencia como nai, o labor de tradutora, de editora, a súa relación con outras disciplinas artísticas…
Como a zaragallada da empanada do día da festa, os poemas de Xela Arias están cheos de referencias literarias, dende Bukowski a Gil de Biedma pasando por Rosalía de Castro ou a mitoloxía clásica e popular. Comprobamos con sorpresa que os nosos alumnos coñecen algunhas desas referencias ás que chegan por vías pouco frecuentadas por nós, como pode ser o rap.
A música que non pode faltar nunha festa veu da man da propia Xela e as referencias constantes nos seus poemas. Así, gozamos co jazz de Chick Corea, seguimos co blues de Sés, pasando polo rock de Loquillo versionando a Gil de Biedma para rematar coa música sensitiva de Secho.
E como sobremesa, acabamos como empezamos, á francesa, así que “un dernier pour la route”, un último grolo para o camiño. Dúas pingas:
– unha de Unamuno: “Todo individuo que no vive poética o religiosamente es tonto”
– outra de Xela Arias: “Toda poesía é un trato coa búsqueda da vida poderosamente iluminada”.
Departamentos de Linguas


