O final da semana pasada foi un pouco diferente para os alumnos que estamos internos no Seminario Menor.
O xoves pola mañá, xunto con todo o Seminario participamos na Exposición do Santísimo que tivo lugar na Capela de san Xosé. Por quendas de 15 minutos, todo o alumnado tivo a oportunidade de rezar e presentar ao Señor as nosas inquedanzas, ledicias e peticións.
Pola tardiña, os internos participamos no funeral que os Seminarios Maior e Menor teñen no mes de novembro polos Benfeitores, e que se celebrou no Seminario Maior este ano. Foi presidido polo Bispo auxiliar. Ao rematar, cenamos cos seminaristas maiores e cando nos iamos vir para o Seminario Menor, apareceu o Cardeal Rouco Varela co que tivemos un pequeno encontro.
O venres non nos fomos para as nosas casas, coma adoitamos a facer cada fin de semana, xa que tivemos a convivencia trimestral – unha fin de semana xuntos facendo cousas distintas ás de todos os días. Esta vez, acompañounos só D. Jesús. A media tarde, partimos para o Seminario de Mondoñedo, o noso cuartel xeral estes días. Pouco podemos facer esa tarde: acomodarnos nas habitacións, cear e saír a pasear para ver Mondoñedo de noite –unha noite fría e sen xente na rúa.
O sábado, unha vez que almorzamos e rezamos as laudes, fomos de visita a san Martiño de Mondoñedo: a catedral máis antiga de España e na que estivo san Rosendo, o noso co-patrón, cando foi Bispo de Mondoñedo, alá polo século X. Como tiñamos tempo antes de comer, e coma a marea estaba baixa, acercámonos a pasear pola Praia das Catedrais. Na tarde, chegou un momento especial: fomos de espeleoloxía ás Covas do Rei Cintolo. A nosa guía explicounos a historia destas Covas e ataviados cun mono, casco con iluminación e guantes, percorremos as covas durante unha hora e media, vendo estalactitas, estalagmitas, columnas, un lago, coladas,… escalando as alturas, arrastrándonos polos túneles, esvarando polas pendentes. Valeu a pena, aínda que saímos cheos de barro e mollados.
O domingo pola mañá, antes de participar na misa na Catedral de Mondoñedo, investigamos a catro santos galegos do século X: san Froilán, san Paio, san Pedro de Mezonzo e, por suposto, san Rosendo. Cando regresabamos a Santiago, fixemos unha parada na parroquia de santa María de Mezonzo (Vilasantar) para coñecer o sitio onde san Pedro de Mezonzo comezou a súa vida monástica.
Foron uns días nos que o pasamos ben, fora do día a día do Seminario; pero nos que tamén soubemos que a santidade está ao alcance de quen é capaz de amar a Deus sempre.

