O pasado venres, despois dunha semana de chuvia, saíu o sol e os alumnos de bacharelato puideron desfrutar dun paseo ata a Cidade da Cultura. Alí asistiron a unha visita comentada da exposición Luz na terra, o Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, que conmemora o centenario da dita institución.
O 12 de outubro de 1923 nove mozos universitarios camiñaron á Casa Grande de Ortoño, onde Rosalía de Castro pasou a súa infancia, na que sería a excursión fundacional do Seminario. Esta iniciativa xuvenil, amparada pola universidade, remataría por converterse nunha das grandes protagonistas do galeguismo e da propia historia de Galicia. O seu fin principal era explorar, investigar e divulgar a cultura galega e apostar polo saber científico como vía de progreso. E todo isto, cun forte compromiso co galego como idioma para a alta cultura.
Chegou a contar con máis de douscentos membros, entre os que figuran científicos como Parga Pondal, artistas como Asorey ou Carlos Maside e, desde logo, os autores da Xeración Nós. Especialmente notoria foi a nómina de membros da Igrexa que o integraron: desde o arcecebispo Manuel Lago (presidente honorario da institución) ao astrónomo Aller Ulloa ou o arqueólogo Xesús Carro, que conseguiu salvar parte dos fondos do Seminario de Estudos Galegos da destrución cando estalou a Guerra Civil.
Unha mostra altamente recomendable que nos fai reflexionar sobre o que hoxe somos pero tamén, sen dúbida, sobre o que poderiamos ter sido de non truncarse esta e outras iniciativas coa chegada da Guerra.





