Poucos dubidan de que coñecer o pasado axuda a entender o presente. Hoxe tivemos boa ocasión de comprobalo co profesor Rubén Castro, quen veu a falarnos,
nunha charla encadrada dentro do Programa A Ponte da USC, de como era o mapa de Galicia hai 300 anos. Presentounos en detalle e con actividades prácticas a organización xeográfica e administrativa de Galicia entre os séculos XV e XVIII, cunha poboación moi dispersa en 3771 parroquias, agrupadas en 660 municipios e en sete provincias. E sobre esta realidade puidemos ir ao detalle da información que proporciona o catastro do Marqués de la Ensenada, consultando os datos das nosas parroquias e no que poden pescudar a través desta ligazón.
Quédanos pendente, para unha próxima sesión, saber como medían os nosos devanceiros nesta mesma época, nun tempo no que non había metros, nin quilos, nin litros. Será para o próximo 10 de abril.



