Category Archives: Noticias
Planificación nutricional decembro.
A CIENCIA MOLA.
Para poñer o “colofón” aos proxectos científicos deste trimestre, os alumnos de 2º e 3º da ESO tiveron unha saída escolar esta semana. Ainhoa Ferreiro, de 2o da ESO, elaborou unha crónica do día:
O pasado nuns 25 de novembro, os cursos de 2º e 3º da ESO fomos de excursión á Coruña. Ao primeiro sitio que fomos foi á Domus, tamén chamada “Casa do Home”. Este lugar é un museo interactivo no que se aprenden moitas cousas pero de forma divertida, ademais de ter moitos xogos, por exemplo un no que se compite por ver quen ten a mente máis relaxada movendo unha pelota á zona contraria ou probas de vista e velocidade, actividades que xogaban coa nosa mente. Había moitas máis cousas: ilusións ópticas, probas para medir a velocidade dun tiro de penalti ou imaxes dun parto real. Tamén hai unha sala de proxeccións na que nos falaron sobre o noso sistema solar, sobre a Vía Láctea e todo o que hai máis alá da nosa vista humana. Se non fose
grazas á tecnoloxía non saberiamos nada do que nos rodea.
Logo fomos ao noso querido acuario chamado “Aquarium Finisterre”, lugar onde se encontran fermosas criaturas mariñas. O mar ese día estaba espléndido, aínda que en alerta, as ondas batían contra as rochas creando unha fermosa imaxe. Logo, entramos e alí, no comedor do acuario, comemos.
Ao finalizar, unha rapaza moi amable guiounos ata unha zona que imitaba un submariño pero non calquera, senón un inspirado no libro de Jules Verne Vinte mil leguas baixo dos mares , é dicir, o “Nautilus”. Simulaba que estabas debaixo do mar e, en realidade, estabamos a 2 metros baixo terra. Había un tiburón touro chamado “Gastón” rodeado doutras moitas especies e fóra xa do recinto puidemos ver tamén as xoguetonas focas.
No acuario había moitas cousas interactivas, por exemplo un xogo de barcos que se manexaban a control remoto e unha exposición adicada á reprodución no mundo mariño titulada “Sexo azul”. Ao final, tamén puidemos mercar algún recordo deste día tan bonito na tenda de regalos.