A semana pasada tivemos unha charla do programa A Ponte no centro que intenta amosar os estudos univesitarios a estudantes de secundaria e bacharelato.
Desta volta, dende a Facultade de Matemáticas, achegáronse para falar de criptografía dende un punto de vista histórico, descubrindo como o mundo da protección de datos e identidades, remóntase ao emperador César Augusto ou incluso antes. Os nosos alumnos daban ideas sobre como mellorar o primeiro sistema criptográfico rexistrado que se desenvolveu na época romana e así descubrir como avanzaban os sistemas de codificación e descodificación de mensaxes ata maior complexidade. Desde os romanos, ata a Alemaña nazi, pasando pola mafia italiana ou, nos nosos días, polos bancos, os modelos de criptografía serviron para enviar mensaxes ocultas, para salvar vidas durante a Segunda Guerra Mundial ou para desmantelar redes criminais. Cada un dos exemplos de aplicación foi máis interesante e tamén, comprender que son indispensables para a vida tal e como a entendemos hoxe (certificados dixitais, tarxetas persoais…). Tan esenciais, que sen eles, colapsaría un sistema que nos levaría ao caos.
Non obstante, non estamos tan lonxe diso, xa que os ordenadores cuánticos que se están a desenvolver están preto de poder descodificar o sistema de cifrado máis empregado polas entidades que xa forman parte da nosa vida diaria e das que dependemos. O desafío está nas nosas mans!
Moitas grazas por esta hora tan suxestiva na que todas as clases participaron activamente, aportando ideas, facendo preguntas, relacionando áreas da criptografía con outras como a lingüística…
Outra forma de aprender e entender o que pasa no mundo.
María Bandín