Un proxecto novo comeza en 3º da ESO: Cos pés na terra. O título reflicte todo o que esperamos neste período de aprendizaxe interdisciplinar: aprender sobre os nosos vencellos coa terra e, por suposto, co mar. A terra como sustento alimentario e económico pero tamén como fenómeno cultural, vencellado á lingua, á literatura e á arte.
E é precisamente esta última perspectiva a que guiou o noso Desafío Inicial. Asistimos no Mosteiro de San Martiño Pinario á exposición “Mar en catro estacións” da pintora Teresa Puy, profesora ademais deste centro. Unha exposición na que se amosa o mar e a súa contorna vista ao longo das catro estacións pero tamén ao longo da costa galega, desde Ortegal a Camposancos , das Rías Altas ás Baixas. A artista guiounos e abriunos as portas ao seu mundo creativo, explicounos as diferenzas de luz de cada estación e como afecta ás intensidades e matices das cores no mar, do ceo e tamén a relación sentimental que a ata a algunhas desas praias por distintos motivos.
O fin último de cada un dos nosos proxectos é espertar nos nosos alumnos a conciencia sobre a realidade e a súa conciencia crítica sobre ela. Pois tamén iso é estar “cos pés na terra”!







