Era unha noticia que, desgraciadamente, levabamos esperando dende onte, cando soupemos do seu ingreso no hospital. O pasamento de D. José Bande de Castro, Director espiritual do noso Seminario Menor e Delegado de Pastoral Vocacional durante moitos anos, Secretario do noso centro e unha das persoas máis queridas e entrañables desta institución. Dende a súa marcha, foi nomeado capelán do Asilo de San Marcos e continuou colaborando na Curia diocesana ata esta mesma semana.
Enxoito, seco, sobrio e elegante. De presenza seria pero rostro amable, Xosé Bande, para min sempre Don Xosé, co que tiven a honra de traballar cóbado con cóbado (no sentido máis literal). Sempre estaba de bo humor (os malos fumes eran outra cousa) e a súa proximidade facía o árido labor da administración burocrática da Secretaría do noso Seminario Menor, una tarefa moito máis pracenteira, se cabe. Anecdotario sen fin, da súa infancia e mocidade, do seu celtismo irredente, enchía as xornadas de traballo que case non o parecían, do levadío que se facía.
Cando o atopabas polas rúas da súa amada Compostela, sempre se paraba a preguntarche por ti e os teus (os nosos), e o seu rostro iluminábase de contento, congraciado porque a nosa tarefa, a que durante moitos anos foi a súa, continuase adiante con ilusión. Un recordo agradecido e emocionado para D. José, ao que non boto de menos porque, como a de outros moitos, noto a súa presenza entre estes muros de Belvís.
O seu enterro terá lugar este sábado, na igrexa parroquial de Pontecesures, saíndo ás 17:00 h. do tanatorio de Padrón.