O Seminario Menor da Asunción ven de inaugurar a súa VIII Semana Cultural. Trátase dunha iniciativa coa que queren dar visibilidade a esta institución que leva máis de 60 anos traballando na nosa cidade.
O escritor Neira Cruz, autor de numerosos libros de literatura infantil e xuvenil, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída tralas palabras do Sr. Reitor. A conferencia versou sobre a viaxe de Cosme III de Médicis a Compostela, dentro da temática xeral Relatos que marca dita Semana.
Xa pola tarde, Manquiña presentou a súa obra Relatos negros, coa que, dende a vertente humorística, fai un repaso polos misterios da crónica negra de tódolos tempos.
Durante a mañá deste martes, os alumnos do Seminario Menor visitarán a exposición da Cidade da Cultura: Galicia, un relato no mundo. Non será a única exposición que coñezan; eles mesmos prepararon no propio centro outras exposicións inauguradas onte: Agatha Christie, a raíña do crime; Centenario da Revista Nós, relato dunha época e O Camiño Kumano.
Para a tarde estaba preparado un encontro co adestrador do R. C. Deportivo, Fernando Vázquez, antigo alumno do centro. Pero problemas de axenda de última hora impídenlle achegarse no día de hoxe. Queda pendente unha nova data da que daremos conta unha vez concretada.