O Colexio Seminario Menor de Belvís está celebrando as Letras Galegas ao grande durante este mes. A figura de Luísa Villalta favoreceu desde hai meses o estudo da literatura doutro xeito, o que foi denominado por Xurxo Souto “o método Villalta”, un reencontro didáctico entre a música e a poesía. E na mesma liña está a actividade deste mércores, o Seminario acolleu un obradoiro de regueifas cunha das grandes mestras do xénero: Lupe Blanco.
Comezou o obradoiro cunha explicación do concepto histórico de «regueifa». En resumo, un baile, un pan de voda e un xénero de improvisación oral en verso. Seguiu cun percorrido por todos os lugares do mundo nos que se desenvolve a arte da improvisación: desde os bertsolaris vascos, os mellores da Península, ata os decimeros de Cuba (a onde viaxará en breve Lupe Blanco para representar a Galicia nun congreso sobre esta arte).
Cunha rápida mais completa introdución sobre o xénero poético, métrica, rima, ritmo e canto, comezou a creación do alumnado das coplas. A motivación foi total desde o principio e, como debe ser nestes casos, ningún tema quedou atrás: as alusións ao profesorado, aos compañeiros, incluso a crítica social. Logo veu o canto e os aplausos.
Sen dúbida, unha actividade que se repetirá, xa que se puido comprobar que con estes obradoiros, a través da regueifa, conséguense afianzar conceptos sobre a competencia musical, lingüística e escénica, ademais de desenvolver a creatividade, a autoestima e a axilidade mental. E, polo visto hoxe, hai unha moi boa canteira.




