Archivos de Etiquetas: curso 2014-15
Festival de Nadal
Os últimos días do trimestre son días complicados. Achégase o Nadal, e con él os últimos exames, a preparación do festival, as ceas, os momentos máis intensos de oración,a entrega de notas… E a pesares dos agobios nos que un pode caer, todo iso queda en nada a medida que se van acadando metas.
Dende aquí querémosvos dar ás gracias a tódolos que contribuíchedes a facer posible o que nestes días sucedeu: aos profesores e formadores polos vosos desvelos, ao grupo de teatro polo voso bo facer, aos alumnos que executáchedes con tanto agarimo ós muráis e panxoliñas, ás cociñeiras que tan ben nos alimentan, aos que (incluso na distancia, d. Xan) nos seguides de preto, aos pais pola vosa colaboración…
Non se trata de dicir moitas cousas, pois todos somos testigos do que sucede no medio de nós. Para os que non puidéchedes estar, invitámosvos a botar unha ollada aos albumes de fotos da: Cea de Nadal, Misa e Festival, Obra de Teatro, Panxoliñas e Entrega de premios.
Noraboa aos alumnos de 4º da ESO (gañadores do Concurso de Muráis), aos de 1º e 2º da ESO (gañadores do Concurso de Panxoliñas) e a Dª. María Bandín e Ernesto Juanatey (premio aos Mellores Actores).
Vémonos xa en pouquiños. Que poidades disfrutar destes días na compaña dos vosos seres queridos e, a todos… ¡Bo e Santo Nadal!
Pontevedra é boa vila…
Con este encabezado traemos á memoria esa tan coñecida cantinela nosa que ensalza a acollida que se da na cidade de Pontevedra a tódolos que se achegan a ela, especialmente aos peregrinos. E é que este domingo pasado, a comunidade educativa do Seminario Menor culminaba a terceira das etapas do Camiño portugues a Santiago chegando a esta vila.
A xornada comezaba en Redondela, onde D. Carlos, reitor do Seminario Maior, nos animaba a buscar a fonte da verdadeira alegría: Cristo que nace para a nosa salvación. Facendo súas as palabras de San Paulo na segunda lectura da Misa do día, exhortábanos a poñer o fundamento da nosa vida en Cristo, valorando o realmente importante e deixando de lado o que tantas veces nos ocupa pero non nos enche.
A primeira das paradas foi nada mais entrar na nosa diocese, en Pontesampaio, onde precisamente se atopaba o noso arcebispo administrando o sacramento da Confirmación a varios rapaces. Polo de agora non se notaba demasiado o cansazo; non eramos moi conscientes do complicado da subida que tiñamos por diante. Aínda así, fumos quen de superala e chegar, algo desperdigados, á cidade de Pontevedra. Alí fumos acollidos nos locais parroquias de Santa María: un pouquiño de calor, unhas sillas para sentarse, un cafeciño ben quente, a subida a torre da basílica… No fondo, Pontevedra é boa vila: dá de beber a quen pasa pola fonte da Ferrería.
Precisamente a poucos metros da Praza da Ferrería, no Santuario da Virxe Peregrina, concluíamos a xornada coa celebración da Santa Misa. Presidida por D. Manuel, foi o momento central do día, e nela insistíu novamente na importancia dunha alegría auténtica na vida dun cristián: Aínda que deixen de soar as orquestas, que a música siga no noso corazón.
Na sección de fotos podes atopar varias das de esta xornada.