Archivos de Etiquetas: seminario
En vacacións… seguimos en contacto
Acabamos de iniciar un período de vacacións con fin de descansar e recuperar forzas para afrontar un novo curso escolar e preparar o curso de verán.
Malia que moitos dos que formamos esta institución estaremos embarcados noutras actividades propias deste tempo, non queremos marcar un mes de silencio no que se refire a cuestións de tipo administrativo nin informativo: a secretaría do centro sigue aberta en horario de mañá e a páxina web e redes sociais seguirán activas.
Con respecto a esta última cuestión, propoñémosvos un pequeno reto. Hai uns meses, o Seminario Menor abriu un conta de Instagram que ven a sumarse ás outras contas propias de Facebook e Twitter. Pódena atopar en smenorasuncion.
Durante este mes de xullo, iremos colgando cada día unha foto dun rincón ou un aspecto da vida desta institución. Pode ser unha boa ocasión para coñecer dunha forma visual algúns lugares do edificio aos que normalmente non temos acceso ou que pasan desapercibidos. Quen se anima?
Confirmacións no Seminario Menor
O sábado, 8 de xuño, o noso Seminario acolleu a Vixilia de Pentecoste que foi presidida polo Sr. Arcebispo. Esta Vixilia é celebrada normalmente na Catedral de Santiago pero, por mor das obras de restauración da Catedral, o Sr. Arcebispo decidiu que, este ano, tiveran lugar na Capela Xeral do Seminario Menor.
Nela recibiron o sacramento da Confirmación 42 mozos e mozas, que procedentes de distintas parroquias da cidade de Santiago e arredores (Santa María Salomé, San Bieito do Campo, San Miguel dos Agros, San Caetano e os Pais Somascos, San Froitoso, Santa Marta e San Pedro de Bugallido), xuntáronse cos 11 alumnos do Seminario Menor que ao longo deste curso recibiron a catequese necesaria para poder recibir este Sacramento. O Sr. Reitor, os formadores do Seminario e os sacerdotes encargados destas parroquias concelebraron co Sr. Arcebispo. A parte musical correu a cargo do coro parroquial de Santa María Salomé.
Unha vez mais, o Seminario Menor converteuse nun novo cenáculo, onde se fixo presente o Espírito Santo: os apóstolos, os mozos e mozas, reunidos con María, patroa do Seminario, recibiron a forza do Espírito para ser as testemuñas do amor de Deus.


