Archivos de Etiquetas: seminario
Encontro Diocesano da Mocidade
Aínda que Santiago Apóstolo é o patrón de España, a nosa nación atópase tamén baixo o patrocino da Inmaculada Concepción da Virxe María. Ese é o motivo polo que tal día e festivo en todo país, favorecendo así que todos poidamos celebrar esta festividade da Virxe no medio do tempo de Advento.
Dende fai varios anos, esta data serve tamén como ocasión do Encontro Diocesano da Mocidade da nosa Diocese, sendo itinerante en cada edición. Nesta ocasión, o lugar escollido foi Cee, dado que esta localidade acolle a celebración dun Ano Xubilar Mariano.
Tendo en conta que o propio día 8 é complicado na vida ordinaria das nosas comunidades parroquiais, os mozos xuntámonos alí un par de días antes, aproveitando a festividade do Día da Constitución. Tamén o Seminario Menor se fixo presente nas diversas actividades: xogos, obradoiros, festa do perdón e a vixilia presidida polo Sr. Arcebispo.
Un día diferente para celebrar e festexar.
Encontro de familias de alumnos internos
Aproveitando a festividade da Inmaculada Concepción da Virxe María, as familias dos alumnos que residen no Seminario durante a semana tiveron o seu encontro anual.
Tratouse dunha xornada sinxela pero significativa, que comezou coa celebración da Santa Misa na Catedral, presidida polo Sr. Arcebispo, e resaltada pola solemnidade propia do día e do lugar. Unha vez rematada, houbo ocasión de visitar as cubertas da nosa seo e descubrir un pouquiño mellor os segredos desta cidade que nos acolle.
Xa de volta no Seminario, non tivemos prisa de levantarnos da mesa; o xantar estivo á altura da nosa cociña, e a compañía resultou agradable para todos. Sen dúbida algunha, un paso máis neste camiño de afianzar lazos e construir comunidade.