O noso centro participará na VIII Olimpíada de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos
No noso centro estamos moi orgullosos de anunciar que levaremos dous equipos de 1º da ESO á Olimpíada de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos.
Esta iniciativa supón unha oportunidade única para que o noso alumnado se achegue ao mundo da enxeñaría dunha maneira práctica, dinámica e motivadora. A través desta experiencia, poderán coñecer mellor ámbitos tan relevantes como a enxeñaría da construción, as estruturas, a hidráulica, a expresión gráfica ou o transporte de mercadorías.
Xa comezamos a preparación dos equipos, traballando con ilusión e compromiso para superar con éxito as distintas probas da competición. O alumnado está a desenvolver habilidades de traballo en equipo, razoamento lóxico e resolución de problemas, ao tempo que esperta a súa curiosidade polo ámbito científico-tecnolóxico.
Estamos convencidos de que será unha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel académico como persoal.
Moita sorte aos nosos equipos!
María Bandín

