O noso colexio estivo presente na primeira fase da Olimpíada Matemática 2026, unha iniciativa promovida pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), dirixida ao alumnado de 2º da ESO e centrada na resolución de problemas de xeito individual.
Hoxe tivo lugar a fase de zona, na que Bieito, un alumno do noso centro participou representándonos con grande responsabilidade e entusiasmo. A súa implicación, xunto co traballo realizado, deixan unhas sensacións moi positivas tras esta primeira toma de contacto coa competición.
A Olimpíada Matemática consta de varias fases, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de avanzar ata a fase nacional. No caso de superar esta primeira etapa, a seguinte cita será a fase final, que se celebrará o vindeiro 21 de maio.
Os resultados desta fase de zona daranse a coñecer ao longo da fin de semana, polo que permanecemos moi pendentes e con moita ilusión. Independentemente do resultado, queremos destacar o esforzo, a actitude e o compromiso amosado, así como felicitalo pola excelente representación do noso colexio.
Parabéns e moita sorte nas seguintes fases!



