Esta vella palabra era usada, na Idade Media, polos peregrinos para darse azos no seu camiño ata Santiago de Compostela para venerar os restos do Apóstolo Santiago, meta da súa peregrinación. Nós podémola traducir por “ánimo”, “segue adiante”.
Levamos poucos días do curso 2020-2021, un curso no que o Seminario Menor está poñendo énfase no Ano Santo Compostelán 2021, por iso as clases mostran os diferentes camiños para chegar ata a tumba do Señor Santiago.
Pero esta palabra, Ultreia, serve para definir tamén estes vinte primeiros días de curso, que todos – alumnos, pais, profesores, persoal non docente- comezamos, porque non dicilo, con medo, debido a situación sanitaria na que nos atopamos.
Por iso, podemos dicir hoxe: Ultreia! Ánimo! Imos adiante! Nestes días tivemos que aprender novas cousas, novas rutinas para que entre todos podamos ter unha convivencia mais segura, tanto nas clase, no patio, nos corredores ou no comedor.
Ánimo! Porque o estamos a facer ben! E isto é labor de todos os que formamos o Seminario Menor. É verdade que o claustro de profesores traballou a reo para que todo estivese preparado; é verdade que o persoal non docente está a botarnos unha boa man, tanto na cociña, coma na seguridade de que os que entran non presentan síntomas, coma na limpeza das zonas comúns; é verdade que os profesores están pendentes de que se cumpra a normativa sanitaria; pero tamén é verdade que os alumnos están a facelo moi ben: desde o primeiro momento entenderon que este ano é distinto; que tamén eles son unha parte importante na loita contra a Covid-19; que na súa man tamén está o evitar situacións de risco.
Pero o berro Ultreia! non significa que xa se chegou á meta, senón que hai que seguir avanzando. Non gañamos nada aínda, non podemos baixar a garda, a meta aínda queda lonxe pero hai que chegar a ela dando pasiños, que é o que estamos a facer.
A primeira palabra deste curso foi RESPONSABILIDADE. É unha palabra que non podemos esquecer. Temos que seguir sendo responsables, non só dentro do Seminario senón tamén o resto do día. Temos tempo para todo e intentar facer unha vida o mais normal posible, pero sabendo que nós somos responsables da saúde dos que nos rodean e dos que nos queren e por iso cómpre ter responsabilidade as vinte e catro horas do día.
Ultreia por un curso bo academicamente; Ultreia por seguir a manter a tensión e non baixar a garda ante a pandemia; Ultreia para acadar a meta. Deus nos axuda e o Apóstolo Santiago.
O Equipo Covid.