Este ano celebramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero dun xeito diferente. Con motivo do centenario de Carmen Laforet, e dentro do proxecto común que estamos levando adiante varios departamentos do noso centro para conmemoralo, tentamos contextualizar a época da súa novela máis icónica: Nada.
A partir do personaxe de Gloria, unha muller maltratada constantemente polo seu home, investigamos sobre a consideración que había sobre esta violencia na época, a situación legal e a educación que recibían as mulleres, as limitacións para realizar accións que hoxe nos parecen elementais. Somos conscientes da importacia de coñecer a historia, sobre todo a máis recente, porque aínda que nos pareza moi lonxano ese mundo, as nosas nais e avoas vivírono e as pegadas de seguro chegan ata nós.
Os alumnos de 1º de bacharelato e 3º da ESO elaboraron unha pequena exposición coa información compilada. Deron especial relevancia á publicidade, aos consultorios radiofónicos, á Guía de la buena esposa, etc.
Seguimos o consello de Ana Mª Matute, escritora contemporánea de Laforet, que lle pedía nunha entrevista a unha moza xornalista: “Por favor, que las de tu generación no olviden nunca lo que hicimos nosotras”.
A xornada do 25 N serviu tamén de marco para o reparto da obra Amor amargo, de Xosé A. Perozo, obsequiada polo Concello de Santiago.
Begoña Campaña