O pasado xoves, 7 de abril, e despois de 4 semanas de traballo, o alumnado de 1º ESO do noso colexio Seminario Menor da Asunción rematou o proxecto do ámbito científico A que se aveciña. Como colofón a todas as actividades que se realizaron, tivo lugar a Festa da celebración da aprendizaxe.
As alumnas Sheila e Enma, máis Martín, recibiron ás familias que quixeron unirse ao acto. Agardáronos no hall do colexio onde lles entregaron un folleto feito por eles cun resumo en inglés do que foi o proxecto. A continuación conducíronos ata a zona onde estaban expostas as diferentes tarefas que integraron o proxecto.
A medida que a “comitiva” se aproximaba, o resto dos alumnos tentaban dominar o seu nerviosismo mentres espiaban detrás da porta …. Abraham e Xurxo preparábanse para dar o mellor deles na explicación do mural da árbore de onde colgaban coma se foran ramas as actividades feitas nas materias de Bioloxía, Matemáticas, Inglés, Artes Plásticas e Educación Física.
Todos os alumnos e alumnas foron “os reporteiros do colexio”, e moi metidos no seu papel, describiron e explicaron ás súas familias o que os seus respectivos porfolios contiñan.
Para rematar A festa da celebración da aprendizaxe todos os asistentes puideron ver un emocionante video sobre a visita ao Parque natural das Dunas de Corrubedo, da que as alumnas e alumnos fixeron unha crónica. Bo traballo 1º ESO!
Vémonos no seguinte proxecto!!!!
Blanca Fernández