Nos últimos días do trimestre, unha vez publicadas as notas da primeira das avaliacións, houbo tempo para meternos un pouquiño máis no tempo de Nadal.
Xa nos viñamos preparando dende as últimas semanas coas celebracións de Advento e a campaña de recollida de alimentos e útiles de aseo. Todo o recollido durante estes días foi distribuído a tempo no Albergue de transeúntes de Xoán XXIII, xestionado polos PP. Franciscanos, e no Cottolengo do Pai Alegre, onde as Servas de Xesús coidan dun grupo de mulleres que atoparon aquí o seu fogar.
Durante a xornada do luns, os rapaces participaron de xeito rotatorio en distintos obradoiros: vídeo-forum sobre a realidade da inmigración, obradoiro de escritura creativa, ensaio de cantos e panxoliñas para a Eucaristía de Nadal, visita guiada pola casa explicando a simboloxía dos adornos de Nadal e, por último, un obradoiro de cociña.
Neste último, os distintos grupos aprenderon a facer galletas de Nadal, que serían consumidas na xornada do día seguinte, acompañado dun chocolate quentiño, tras a celebración da Eucaristía e a bendición do belén. A experiencia non foi nada mala, a xulgar por tódalas galletas que se deron feito e, sobre todo, polo que quedou despois.
Xa non hai escusa para que dende as casas tamén se poñan a amasar, bater ovos ou botar unha man na cociña. Vendo como se desenvolvían, cónstanos que a inmensa maioría xa o fan.