Ao igual que o curso pasado, dentro do fomento dos hábitos de vida saudable, acollemos unha nova edición do reparto de froita e leite no ámbito escolar.
A partir do luns que ven, e nas vindeiras semanas, iremos combinando o reparto de envases de leite e froita de distintas clases durante os recreos.
Deste xeito queremos insistir na importancia do consumo de lácteos, polo seu importante aporte de calcio e vitaminas, un dos aportes fundamentais na nosa dieta. Ademais, Galicia é unha das principais rexións produtoras de leite, cunha morea de explotacións gandeiras ás que varios dos nosos alumnos non son alleos.
Por outra banda, o reparto de froita pretende mostrar a inmensa variedade da que gozamos. Na pasada edición consumimos varios quilos de mazá, laranxas, mandarinas, fresas, amorodos, plátanos, e un largo etcétera.
Agradecemos dende aquí ó Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Xunta de Galicia, a posta en marcha dunha nova edición deste programa.