O 23 de febreiro celebrouse en toda Galicia o Día de Rosalía, recordando a data do seu nacemento. Ao coincidir en domingo, no noso centro adiamos a celebración a este martes 25 de febreiro , conmemoramos á escritora cun acto no que os alumnos e alumnas de 3º de ESO fixeron un emotivo recitado de “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares gallegos. Estiveron acompañados na celebración polos seus compañeiros e compañeiras de 2º de Bacharelato, os cales crearon un poema dedicado á ilustre poetisa. Ao finalizar o acto, obsequiouse a todos os presentes cunha ilustración de Rosalía en pop art e no reverso o poema “Unha vez tiven un cravo” , para que teñan un bo recordo deste día e haxa un achegamento á poesía rosaliana.
Un gran día, grazas a todos.
Dentro dos actos co motivo da celebración do Día de Rosalía, o luns 17 de febreiro tivemos unha charla impartida por Nel Vidal Barral, antigo alumno do Seminario. Nel Vidal foi presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística CTNL, director de Culturgal, técnico de Normalización lingüística do concello de Carballo durante quince anos e colaborou en diversos proxectos relacionados coa normalización da lingua. Este gran comunicador deunos unha charla moi emotiva e amena recordando o seu paso polo Seminario, onde afondou nos seus anos de estudo e convivencia no centro. Ademais recordou con gran cariño a edición da revista Belvís, coa axuda do profesor don Xan Campaña e outros alumnos da promoción, puidemos ver algúns números desta revista escolar.
Grazas Nel pola túa charla e compañía.

