O Seminario Menor vive sempre con tristeza o pasamento de aquelas persoas que dalgún xeito estiveron vinculadas coa nosa historia.
Os sacerdotes que conforman a nosa Arquidiocese están presentes na oración diaria da nosa comunidade e con eles sufrimos e alegrámonos. Por iso, cada vez que chega ata a nós a noticia da morte dalgún sacerdote, pedimos por el ante o Señor na celebración da Santa Misa. Nos últimos días rezabamos por D. Santiago, por D. Walter e, agora, por D. Alejandro.
E, xunto a nosa oración, convén tamén facer unha especial memoria dos que estiveron máis en contacto con nós. Tal é o caso de D. Alejandro Barral, profesor de Historia da Arte no Seminario Menor durante varios cursos. Persoa moi coñecida na cidade de Santiago, estivo vinculado ás parroquias de San Caetano e Santa María da Mercé de Conxo. Coma coengo da nosa Catedral, foi encargado, entre outras cousas, da actualización e mellora do seu Museo, da posta en marcha e apertura ás visitas das súas cubertas, da recuperación dos coros lígneo e petreo que a configuraron, etc. Pero sobre todo, máis que estas obras materiais, foi un dilixente promotor de outro tipo de obras de tipo espiritual que floreceron no acompañamento e coidado de numerosas vocacións e familias; éstas son as obras que agora presentará ante o Pai.
Dende aquí, o noso recoñecemento e oración polo seu eterno descanso.