Hai mes e medio comezaba en 2º da ESO o proxecto interdisciplinar Tecendo a historia, coa Idade Media como tema central. Se o inicio sempre é un “desafío”, o final é sempre unha celebración, unha “Festa da aprendizaxe”, posiblemente do mellor que un pode celebrar na vida. E que foi o que aprenderon os nosos alumnos ao longo deste proxecto?
Por unha banda, na materia de historia, cómo era a sociedade nesa altura, qué era o feudalismo, as relacións de vasalaxe, quen eran os irmandiños…
No que atinxe á literatura, souberon de lendas moi ligadas á nosa cultura como as da raíña Lupa ou o Santo Graal e da poesía da época (cantigas de amigo, amor ou escarnio e maldicir, Cantar del Mío Cid…). Ligada á poesía, como non, tamén a música medieval (instrumentos, notación…). Ademais, temos a sorte de contar na biblioteca do noso centro con facsímiles fermosísimos de obras da época nos que os alumnos puideron aprezar a riqueza ornamental dalgunhas delas.
En canto á lingua, estudaron o nacemento das distintas linguas romances, no caso da lingua galega analizaron distintos textos que amosan a normalidade coa que se empregaba en todo tipo de documentos (administrativos, xurídicos, científicos…)..
Aprenderon tamén que, aínda que o fondo léxico tanto do castelán como do galego é o latín, hai tamén pegadas árabes ou xermánicas. De feito, unha palabra que define moi ben o que fixemos este último día é de orixe árabe, albaroque (comida coa que se celebra o remate dun traballo ou labor), do árabe Al-buruk. Ao rematar de explicarlles aos pais todo o traballo feito e os porfolios individuais, os nosos alumnos e alumnas tamén gozaron dunha merenda coa familia e profesores.
Así mesmo, houbo tempo para descubrir a que xogaban na época (xadrez, dados…) ou de construír na materia de tecnoloxía unha catapulta, arma empregada nas revoltas irmandiñas para a destrución dos castelos.
Lembremos que o nome do proxecto, Tecendo a historia, fai referencia ao Tapiz de Bayeaux (Francia), lenzo bordado do século XI, que describe os feitos previos á conquista normanda de Inglaterra, considerado, pola disposición e deseño das escenas, como o 1º cómic da historia. É por isto que o “produto final” do proxecto quixo ser algo semellante: ao xeito de tapiz, e de cómic, representa en escenas o aprendido nestes días.
Esperemos que o tecido ao longo destes días, formase un fermoso tapiz co aprendido.
Begoña Campaña