O pasado 24 de outubro celebrabamos o Día da Biblioteca. Ao coincidir en sábado, e nas circunstancias especiais deste ano, parece que pasou un tanto inadvertido. Non obstante, as bibliotecas non deixan nunca de sorprendernos, sobre todo se nos asomamos ao seu interior.
Con tal motivo queremos compartir un novo recurso aberto a todos. Trátase da publicación do noso buscador de libros, de tal xeito que cada un poderá consultar dende a súa casa os libros dos que dispón o centro. Podes consultalo premendo aquí mesmo ou dende a web do Seminario Menor.
A Biblioteca do Seminario está composta por varias salas e corredores distribuídos ao longo do edificio, e conta con preto de 30.000 volumes clasificados en distintas materias. Entre elas poderemos atopar as seccións de Lingua e Literatura (subdividida en Clásicas, Castelán, Galego, Inglés, Italiano, Francés, Alemán e Portugués), Ciencias Naturais, Filosofía, Relixión, Monografías, Ciencias Sociais, Biografías, Música, Santiago, Ciencias da Educación, Fondo Antigo, etc.
Ao longo dos últimos cinco anos, a Biblioteca do Seminario multiplicouse por tres grazas á doazón de varios sacerdotes e institucións que quixeron que os seus fondos estivesen á disposición do noso alumnado. Tamén grazas ao inxente traballo do bibliotecario e numerosos profesores (titulares e en prácticas), está moi avanzado o novo sistema de fichaxe das obras que permite xa a consulta en liña do noso inventario.