O Mes das Letras rematou cunha charla que titulamos “Lingua e xustiza”, xa que arredor do Día das Letras Galegas aproveitamos para reivindicar non só a literatura, senón o uso social en todos os ámbitos. Para isto tivemos a honra de contar con D. Andrés Lago Louro, xuíz decano de Santiago de Compostela e ex alumno deste Centro. Comprometido coa presenza do galego no ámbito xurídico, ten participado nas Xornadas Lingua e Xustiza do Colexio de Avogados de Santiago e, dun xeito moi sinxelo, faloulles un pouco ao noso alumnado deste tema.
Nunha charla informal, o alumnado puido coñecer, ademais, facetas do seu traballo como xuíz en casos tan importantes como o do Prestige ou o Alvia ou a súa implicación na creación dun xulgado específico de violencia de xénero para Santiago. Como non podía ser doutro xeito, houbo anécdotas sobre a súa estancia no Seminario, incluso con algún profesor que lle deu clase presente, e a interacción cos alumnos foi constante. E o mellor, quedamos emprazados para asistir o curso que vén a algún xuízo, estámolo desexando!