O Seminario Menor é unha gran familia que non soamente abrangue a aqueles que a día de hoxe nos atopamos nos corredores, xa sexa coma alumnos, profesores, persoal ou familias. É unha familia da que tamén forman parte cantos estiveron vinculados a esta institución ao longo dos anos.
Coma tantas veces recordamos, a Belvís chégase nun momento determinado, pero para quedarse xa para sempre. Esa é a razón pola que nos alegramos cando nos visitan antigos alumnos ou persoas que saben que a súa vinculación coa casa, aínda que agora sexa distinta, segue a ser unha realidade.
Convencidos de que esta vinculación vai máis aló dos límites desta vida, confiando na comuñón dos santos, encomendamos nestes días de xeito especial a dous sacerdotes falecidos nas últimas semanas e que durante moitos anos estiveron impartindo docencia nas nosas aulas. Trátase de D. Eugenio García Rodeja (profesor de Químicas no Seminario Menor e, posteriormente, na Universidade de Santiago) e D. Braulio Arce San Juan (profesor de Artes Plásticas en Belvís e, despois, Delegado de Arte Sacro na Curia Diocesana). Encomendámolos de xeito especial nestes días e confiamos en que, na presencia do noso Bo Deus, intercederán tamén por todos nós.