Este xoves os alumnos de 1º, 2º e 3º da ESO saímos do centro para vivir un día diferente.
Dirixímonos a Curtis para, da man do sacerdote D. Víctor Blanco, coñecer unha inicativa de Igrexa adicada aos máis alonxados desta. Con claro espíritu misioneiro, atopámonos cunha casa do máis acolledora, todo un fogar, que ademais D. Víctor dixo repetidas veces, ata o punto de crelo, que era a nosa casa. Contounos que era froito dun soño que tardou en poder materializarse pero que ás veces fai falla tempo e é necesaria a actitude de non conformarse. Na súa reconstrución houbo grandes e pequenas achegas, tanto económicas como de traballo. Cada recuncho foi coidado con todo detalle, feito con cariño e sentido. Impresionounos! Tivemos tempo para preguntar e comentar. Por que esa cuncha con sangue na parede?, que escaleira máis curiosa, parece de Harry Potter!, unha lámpada que sobe e baixa, niños de todo tipo de paxaros e insectos…
Tras isto, e cunha rapaza, Bibi, fixemos unha actividade para coñecernos mellor a nós mesmos e aos demais compañeiros. Escribimos os nosos soños e analizamos que fortes e apoios tiñamos para conseguilos. Seguramente teñamos que facelo máis veces ao longo da nosa vida para redireccionala ou porque descubrimos que somos capaces de moitas máis cousas das que pensabamos. Que bo sería!
Despois de cantar un chisco, pasamos ao oratorio, que ademais é a habitación de D. Víctor. Rezamos, ofrecemos os noso soños ao Señor e compartimos un momento de silencio xuntos.
Tras comer de bocata, cantar e rir, descansar un pouco, gastar bromas…dirixímonos a coñecer a dimensión social de “A Raíña”, unha asociación que desenvolve un proxecto agrario compartindo a vida con persoas con dificultade para atopar traballo, presos do cárcere de Teixeiro, inmigrantes, extoxicómanos… Preparáronnos un obradoiro do máis divertido onde labramos a terra e sementamos e regamos un pedaciño que pronto dará leitugas e espinacas. Moitas grazas polo tempo compartido.
Redacción colaborativa de María Bandín cos alumnos de 2º ESO.