Aproveitando o día festivo declarado en torno a festa de San Xosé, a comunidade de internos do Seminario Menor, desprazámonos ata o parque natural das Fragas do Eume para coñecer dous exemplos do esplendor do monacato galego. Trátase dos mosteiros de San Xoán de Caaveiro e Santa María de Monfero.
Ao primeiro deles chegabamos a pé tras percorrer unha distancia de oito quilómetros pola beira do río Eume, disfrutando dunha das paraxes máis fermosas do norte da provincia coruñesa. Non podía ser para nos un lugar descoñecido, pois foi un dos lugares nos cales habitou a noso copatrón, San Rosendo. De feito alí observamos unha reprodución da súa cogulla. Tras rezar uns intres na capela do mosteiro, chegaba a hora da ansiada comida, ben merecida despois do tramo percorrido.
Xa pola tarde e enfrontándonos a un tempo un tanto desapacible, a meirande parte do grupo atreveuse a unha ruta en Kaiak polo encoiro do Eume, xa no concello de Monfero. A visita ao mosteiro de Santa María de Monfero serviu para reflexionar sobre a grandeza da laboura que os monxes fixeran nesta terra e da ruína que supuxo a súa marcha coa desamortización de Mendizabal.
A xornada concluía coa celebración da Eucaristía na igrexa parroquial de San Tirso de Ambroa, no concello de Irixoa, que tamén acolleu, no seu día, un pequeno priorado de monxes dependentes do mosteiro anteriormente citado.