Despois dun longo período de reflexión, o Sr. Arcebispo ven de anunciar a apertura da oferta académica a alumnas a partir do curso académico 2021-2022 do Colexio Seminario Menor da Asunción. Para chegar a esta decisión foi preciso consultar o parecer do Consello de Presbiterio da Arquidiocese e das autoridades académicas.
O proxecto iniciado na década dos anos 50 polo Cardeal Quiroga Palacios, apostando por unha educación académica ao servicio da Igrexa diocesana, acaba de dar un paso máis na súa historia, intentando dar resposta ás preguntas que xorden en cada momento. Así, paulatinamente foi abrindo as súas aulas a estudantes máis aló dos que residían e vivían no propio centro. De feito, hoxe en día a maioría dos alumnos residen coas súas familias, aínda que a residencia para rapaces que apostan por formarse nesta comunidade segue aberta e é o centro do Seminario.
Dende a propia institución sinálase que o Colexio Seminario Menor non é sen máis un lugar dende onde se transmiten coñecementos, se non que quere ser ese ámbito no cal todo estudante se sinta acompañado nun proceso de discernimento. Quérese axudar a que cada persoa se descubra a si mesmo e que está chamado a ser na Igrexa e na sociedade. Ao longo destes anos, pódese comprobar como este discernimento vocacional ten axudado a moitos que agora desempeñan a súa misión como sacerdotes, pero tamén como pais de familia, traballando na súa profesión particular.
Por tal motivo, aínda sendo un centro familiar, no cal se traballa con grupos reducidos, a súa oferta académica é ampla e variada, con tres tipos de Bacharelato que posibilitan o acceso a calquera das carreiras universitarias, deixando así a porta aberta a calquera saída profesional.
Xunto ao Bacharelato, os cursos da ESO forman parte do itinerario formativo dende o cal os seus alumnos son acompañados, cunha oferta que conta cun ambicioso calendario cultural, amplas instalacións e a experiencia e ilusión dun claustro entregado a tarefa educativa.
O sono dun gran Cardeal segue vivo en Belvís.