Pouco a pouco, imos retomando a axenda escolar, sen levantar a garda e cumprindo as indicacións sanitarias nesta loita coa pandemia que segue a estar presente nas nosas vidas.
Este mércores estaba programado o retiro espiritual que os alumnos internos teñen de forma mensual. E como acabamos de comezar o Ano Santo Compostelán, decidiuse telo dun xeito distinto. Desde o Seminario fomos á Catedral para participar na Eucaristía da tarde.
De camiño tívose a catequese, parando en distintos sitios: fronte as Nais Dominicas contemplamos acendida a lanterna da Torre do Reloxo e serviu para explicar o que era un Ano Santo. Pola Rúa de san Pedro, falamos dos diferentes camiños que percorren os peregrinos para chegar a Santiago; na Praza da Quintana, diante da Porta Santa, repasamos as condicións para gañar a indulxencia plenaria do Ano Santo e que significa “indulxencia plenaria”. Xa dentro da Catedral, o primeiro que fixemos foi visitar a Tumba do Apóstolo Santiago e rezar o Credo. Ao situarnos nas cadeiras da nave central, puidemos abraiarnos coa restauración das pinturas da Capela Maior.
Rematada a Misa, tivemos un pouquiño tempo para percorrer a Catedral e descubrir como a arte tamén axuda aos peregrinos e aos fieis a achegarse a Deus.
M. Jesús Formoso